martes, 6 de noviembre de 2012

SEIXEBRA DEIXA MOSTRA DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE DE PARÍS

SEIXEBRA DEIXA MOSTRA DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE DE PARÍS


·      Máis de 35 membros da Asociación Cultural de Moraña interpretaron o pasado 2 de novembro no teatro Adyar pezas do folclore popular galego, entre eles o himno galego, que foi tocado en directo por un gaiteiro do grupo durante a presentación das agrupacións participantes no festival
·      Seixebra compartiu escenario con grupos de Lituania, Bosnia, Serbia, Grecia e Turquía e ademais intercambiou experiencias do funcionamento da asociación e da súa estancia en París cun grupo catalán, de Tarragona, que tamén participou neste certame
·       O grupo aproveitou a súa estancia en París para realizar visitas aos lugares e zonas  máis característicos da cidade
Moraña, 5 de novembro de 2012.- Máis de 35 membros da Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) desprazáronse do 1 ao 4 de novembro a París para actuar no Festival Internacional de Folclore que se celebrou o pasado 2 de novembro no teatro Adyar da capital francesa. Durante o evento os membros de Seixebra ensinaron aos asistentes e aos outros grupos participantes diferentes trazos da cultura popular galega, entre eles o himno galego, que foi interpretado en directo por un gaiteiro do grupo durante a presentación das agrupacións participantes no festival.

Neste evento Seixebra compartiu escenario con grupos de Lituania, Bosnia, Serbia, Grecia e Turquía. Ademais tamén intercambiaron experiencias do funcionamento da asociación e da súa estancia en París cun grupo catalán, de Tarragona, que tamén participou neste certame.

Durante a súa actuación os compoñentes da Asociación cultural de Moraña interpretaron diferentes pezas do folclore popular galego, procedentes de distintas áreas xeográficas. Empezou o grupo dos medianos coa muiñeira de Seceda, da Fonsagrada, en Lugo, un baile no que ademais da gaita sonan as castañuelas que tocan os bailadores. Por outra banda, os outros bailadores do grupo interpretaron a jota de San Salvador, recollida no concello de Santa Comba, A Coruña, e no que o acompañamento se realiza con pandeireta. Nesta peza os bailadores tamén tocan as castañuelas durante o baile.

Ademais as pandereteiras e os bailadores de Seixebra interpretaron no teatro Adyar a muiñeira e o maneo de Bardáns, do concello de Tordoia, e pecharon a actuación bailando a jota cruzada de Pazos de Borbén (Pontevedra), acompañada de gaita, pandeireta e voz.

Itinerario cultural
A Asociación Cultural Seixebra aproveitou a súa estancia en París para realizar visitas aos lugares e zonas  máis característicos da cidade, entre eles, o arco do Triunfo, Trocadero e os arredores da Tour Eiffel, a catedral de Notre Dame, a zona do centro Pompidou e o xardín das Tullerías. Os membros de Seixebra tamén visitaron os arredores do museo Louvre e coñeceron o barrio de Montmartre, a basílica do Sacré Coeur e os xardíns de Luxemburgo.

lunes, 29 de octubre de 2012

SEIXEBRA GAÑA UN TERCEIRO PREMIO NAS XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS DE VIGO A POUCOS DE DÍAS DE ACTUAR EN PARÍS



SEIXEBRA GAÑA UN TERCEIRO PREMIO NAS XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS DE VIGO A POUCOS DE DÍAS DE ACTUAR EN PARÍS

·      O grupo obtivo o bronce no certame celebrado no Auditorio do Mar tras interpretar a jota de San Salvador, procedente de Santa Comba e a jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes

·      O próximo destino de Seixebra é París, a onde se desprazarán máis de 35 membros do grupo para actuar nun festival internacional que se celebrará o 2 e o 3 de novembro no teatro Adyar


Moraña, 29 de outubro de 2012.- A Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) obtivo o terceiro premio nas XIII Xornadas de Danza e Música Tradicionais que se celebrou o sábado no Auditorio do Mar, en Vigo. O grupo de Moraña obtén este premio a poucos días de viaxar a París para actuar nun festival internacional de folclore que terá lugar no teatro Adyar.

No concurso de Vigo os bailadores e pandereteiras de Seixebra interpretaron a jota de San Salvador, procedente de Santa Comba e que se caracteriza,entre outros aspectos, porque os bailadores tocan as castañuelas mentres bailan. Tamén tocaron e bailaron a jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes. Esta peza de baile acompáñase con pandeireta e tamén con tambor.

É a primeira vez que o grupo de Moraña participa neste certame, organizado pola Asociación Cultural Interfolc e que conta con trece anos de traxectoria e coa participación de importantes grupos da música tradicional galega. Por iso, para Seixebra este premio supón un gran recoñecemento ao traballo de recuperación e difusión que veñen realizando dende 1998.

Próximo destino París
Este xoves máis de 35 membros de Seixebra desprazaranse a París para actuar o 2 e 3 de novembro no festival de folclore internacional que eses días acollerá o teatro Adyar da capital francesa. Nestas dúas xornadas Seixebra fará demostracións de folclore galego e compartirá escenario con outros nove grupos procedentes de distintos países como Lituania, Letonia e Bosnia.

domingo, 3 de junio de 2012

CARBOEIRO, CITA INELUDIBLE PARA A DIFUSIÓN DO FLOCLORE GALEGO

Onte en Carboeiro (Silleda) sonaron e brillaron con forza as gaitas, os tambores, os bombos, as pandeiretas...A terra tremía porque os bailadores e bailadoras picaron con ganas no chan.

Esta cita, organizada pola Asociación Intercultural Santa Ferreña, é un evento consolidado, avalado por 13 anos de traxectoria. Onte a choiva non foi impedimento para que músicos, bailadores e espectadores desfrutaran dunha xornada completa de foliada.

Déixovos os links das noticias que saen de Carboeiro en La Voz de Galicia e Faro de Vigo:

http://www.lavozdegalicia.es/video/deza/2012/06/02/carboeiro-rinde-musica-tradicional/00311338647719348541935.htm

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2012/06/03/fervor-musical-santa-ferrena/653993.html

Saúdos

Alba

lunes, 28 de mayo de 2012

SEIXEBRA GAÑA UN PRIMEIRO PREMIO NO XXIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XACARANDAINA


SEIXEBRA GAÑA UN PRIMEIRO PREMIO NO XXIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL XACARANDAINA

·      O grupo obtivo o máximo recoñecemento na categoría B de pandeireta coa peza jota, muiñeira e danza de Caroi, recollida nesta zona do concello de Cotobade

 A Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) obtivo o primeiro premio da categoría B de pandeireta no XXIII Concurso de Música Tradicional Xacarandaina, que se celebrou onte na Coruña.

A peza gañadora que interpretaron tres pandereteiras de Seixebra é a jota, muiñeira e danza de Caroi, recollida nesta zona do concello de Cotobade. Nesta categoría Seixebra concursou xunto con outros 12 grupos procedentes de toda Galicia.

É a primeira vez que o grupo de Moraña participa neste concurso, que é un dos de maior tradición da música tradicional galega, por iso para a asociación cultural este premio supón un gran recoñecemento ao traballo de recuperación e difusión que veñen realizando dende 1998.

viernes, 10 de febrero de 2012

ENTROIDO 2012

A só unha semana para o Entroido e aínda empezamos onte cos disfraces, se os outros anos ibamos ó límite, este ano xa nos pasamos da raia.
Coido que de todos os xeitos hanos de dar tempo e como este ano os disfraces son "anticrisis" pois imos moi sinxeliños pero con un "GLAMOUR"..... jejeje

lunes, 23 de enero de 2012

SEIXEBRA SAÚDA AO 2012


2012. Un ano máis para continuar aprendendo, bailando, cantando, tocando, ensaiando, compartindo experiencias…Un ano máis para engadir á historia de Seixebra. Un ano máis no que ir a festivais, preparar unha nova edición do noso propio, facer actuacións arreo para lograr unha viaxe do nivel da de Valencia de outubro de 2011.

Doce meses de 2012 para continuar facendo obradoiros relacionados coa nosa cultura popular, para ser acompañamento en moitas vodas, para propagar máis o noso nome, para chamar ás portas de moitas casas e seguir cantando os reis, para deixarnos levar nos seráns… ou o que é o mesmo, doce meses para seguir sendo Seixebra e medrando como tal.
Para coller con forza o ano que estamos empezando a mellor motivación é recordar as compensacións que son froito de todo o traballo realizado. Unha das mellores compensacións de todo o esforzo da asociación e dos seus membros foi o seu paso por Valencia a finais de outubro. Foi un impulso para o grupo e para continuar…Velaquí unha das imaxes máis fermosas desta viaxe.