SEIXEBRA GAÑA UN TERCEIRO PREMIO NAS XORNADAS
DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS DE VIGO A POUCOS DE DÍAS DE ACTUAR EN PARÍS
· O grupo obtivo o bronce no certame celebrado no Auditorio
do Mar tras interpretar a jota de San Salvador, procedente de Santa Comba e a
jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes
· O próximo destino de Seixebra é París, a onde se
desprazarán máis de 35 membros do grupo para actuar nun festival internacional
que se celebrará o 2 e o 3 de novembro no teatro Adyar
Moraña, 29 de outubro de 2012.- A Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) obtivo o terceiro
premio nas XIII Xornadas de Danza e Música Tradicionais que se celebrou o
sábado no Auditorio do Mar, en Vigo. O grupo de Moraña obtén este premio a
poucos días de viaxar a París para actuar nun festival internacional de
folclore que terá lugar no teatro Adyar.
No
concurso de Vigo os bailadores e pandereteiras de Seixebra interpretaron a jota
de San Salvador, procedente de Santa Comba e que se caracteriza,entre outros
aspectos, porque os bailadores tocan as castañuelas mentres bailan. Tamén
tocaron e bailaron a jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes.
Esta peza de baile acompáñase con pandeireta e tamén con tambor.
É a
primeira vez que o grupo de Moraña participa neste certame, organizado pola
Asociación Cultural Interfolc e que conta con trece anos de traxectoria e coa
participación de importantes grupos da música tradicional galega. Por iso, para
Seixebra este premio supón un gran recoñecemento ao traballo de recuperación e
difusión que veñen realizando dende 1998.
Próximo destino París
Este xoves
máis de 35 membros de Seixebra desprazaranse a París para actuar o 2 e 3 de
novembro no festival de folclore internacional que eses días acollerá o teatro
Adyar da capital francesa. Nestas dúas xornadas Seixebra fará demostracións de
folclore galego e compartirá escenario con outros nove grupos procedentes de
distintos países como Lituania, Letonia e Bosnia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario