martes, 6 de noviembre de 2012

SEIXEBRA DEIXA MOSTRA DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE DE PARÍS

SEIXEBRA DEIXA MOSTRA DA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE DE PARÍS


·      Máis de 35 membros da Asociación Cultural de Moraña interpretaron o pasado 2 de novembro no teatro Adyar pezas do folclore popular galego, entre eles o himno galego, que foi tocado en directo por un gaiteiro do grupo durante a presentación das agrupacións participantes no festival
·      Seixebra compartiu escenario con grupos de Lituania, Bosnia, Serbia, Grecia e Turquía e ademais intercambiou experiencias do funcionamento da asociación e da súa estancia en París cun grupo catalán, de Tarragona, que tamén participou neste certame
·       O grupo aproveitou a súa estancia en París para realizar visitas aos lugares e zonas  máis característicos da cidade
Moraña, 5 de novembro de 2012.- Máis de 35 membros da Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) desprazáronse do 1 ao 4 de novembro a París para actuar no Festival Internacional de Folclore que se celebrou o pasado 2 de novembro no teatro Adyar da capital francesa. Durante o evento os membros de Seixebra ensinaron aos asistentes e aos outros grupos participantes diferentes trazos da cultura popular galega, entre eles o himno galego, que foi interpretado en directo por un gaiteiro do grupo durante a presentación das agrupacións participantes no festival.

Neste evento Seixebra compartiu escenario con grupos de Lituania, Bosnia, Serbia, Grecia e Turquía. Ademais tamén intercambiaron experiencias do funcionamento da asociación e da súa estancia en París cun grupo catalán, de Tarragona, que tamén participou neste certame.

Durante a súa actuación os compoñentes da Asociación cultural de Moraña interpretaron diferentes pezas do folclore popular galego, procedentes de distintas áreas xeográficas. Empezou o grupo dos medianos coa muiñeira de Seceda, da Fonsagrada, en Lugo, un baile no que ademais da gaita sonan as castañuelas que tocan os bailadores. Por outra banda, os outros bailadores do grupo interpretaron a jota de San Salvador, recollida no concello de Santa Comba, A Coruña, e no que o acompañamento se realiza con pandeireta. Nesta peza os bailadores tamén tocan as castañuelas durante o baile.

Ademais as pandereteiras e os bailadores de Seixebra interpretaron no teatro Adyar a muiñeira e o maneo de Bardáns, do concello de Tordoia, e pecharon a actuación bailando a jota cruzada de Pazos de Borbén (Pontevedra), acompañada de gaita, pandeireta e voz.

Itinerario cultural
A Asociación Cultural Seixebra aproveitou a súa estancia en París para realizar visitas aos lugares e zonas  máis característicos da cidade, entre eles, o arco do Triunfo, Trocadero e os arredores da Tour Eiffel, a catedral de Notre Dame, a zona do centro Pompidou e o xardín das Tullerías. Os membros de Seixebra tamén visitaron os arredores do museo Louvre e coñeceron o barrio de Montmartre, a basílica do Sacré Coeur e os xardíns de Luxemburgo.