lunes, 29 de octubre de 2012

SEIXEBRA GAÑA UN TERCEIRO PREMIO NAS XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS DE VIGO A POUCOS DE DÍAS DE ACTUAR EN PARÍS



SEIXEBRA GAÑA UN TERCEIRO PREMIO NAS XORNADAS DE DANZA E MÚSICA TRADICIONAIS DE VIGO A POUCOS DE DÍAS DE ACTUAR EN PARÍS

·      O grupo obtivo o bronce no certame celebrado no Auditorio do Mar tras interpretar a jota de San Salvador, procedente de Santa Comba e a jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes

·      O próximo destino de Seixebra é París, a onde se desprazarán máis de 35 membros do grupo para actuar nun festival internacional que se celebrará o 2 e o 3 de novembro no teatro Adyar


Moraña, 29 de outubro de 2012.- A Asociación Cultural Seixebra de Moraña (Pontevedra) obtivo o terceiro premio nas XIII Xornadas de Danza e Música Tradicionais que se celebrou o sábado no Auditorio do Mar, en Vigo. O grupo de Moraña obtén este premio a poucos días de viaxar a París para actuar nun festival internacional de folclore que terá lugar no teatro Adyar.

No concurso de Vigo os bailadores e pandereteiras de Seixebra interpretaron a jota de San Salvador, procedente de Santa Comba e que se caracteriza,entre outros aspectos, porque os bailadores tocan as castañuelas mentres bailan. Tamén tocaron e bailaron a jota e muiñeira de Freaza, recollida en Fornelos de Montes. Esta peza de baile acompáñase con pandeireta e tamén con tambor.

É a primeira vez que o grupo de Moraña participa neste certame, organizado pola Asociación Cultural Interfolc e que conta con trece anos de traxectoria e coa participación de importantes grupos da música tradicional galega. Por iso, para Seixebra este premio supón un gran recoñecemento ao traballo de recuperación e difusión que veñen realizando dende 1998.

Próximo destino París
Este xoves máis de 35 membros de Seixebra desprazaranse a París para actuar o 2 e 3 de novembro no festival de folclore internacional que eses días acollerá o teatro Adyar da capital francesa. Nestas dúas xornadas Seixebra fará demostracións de folclore galego e compartirá escenario con outros nove grupos procedentes de distintos países como Lituania, Letonia e Bosnia.